lunes, 19 de octubre de 2015

SOBRE O TOPÓNIMO

¿Valladares ou Valadares? A Lei 3/1983 de Normalización Lingüística di que a única forma oficial dos topónimos é a galega pero, que ocorre neste caso?
Sobre a orixe da palabra hai varias teorías. Algúns opinan que Valladares ten a súa procedencia na palabra latina vallatu que significa valado ou fortificado. Deste xeito, os vallatares serían os valados que delimitan unha propiedade ou un campamento militar. Outros en cambio, falan de vallata como da ladeira dun val. Aquí imos decantarnos máis pola segunda opción.Labranza en Prado, barrio do Portal. Ano 1982

Este topónimo existe en moitos lugares de Galicia (parroquia do Concello de Outes, aldea do Concello de Forcarei, lugar do concello de Pontevedra, Casa de labor do Concello de Oza dos Ríos) e do resto de España.
Tamén en Portugal existe, alí escríbese indiferentemente con “l” ou “lh”. Durante séculos pronunciouse con “lh” polo pobo e con “l” polos nobres. Como cabía esperar, a forma que se impuxo foi a última (salvo pequenos rexionalismos).
Nesta parroquia de Vigo, dende a Administración emprégase Valadares, mentres que os veciños seguen sentíndose de Valladares, porque así lle chamaron sempre que se recorda á súa parroquia.


CONFIGURACIÓN ADMINISTARTIVA

Poucos datos temos de Valladares na Idade Media, aínda que algúns investigadores aseguren que a Casa deste mesmo teña a súa orixe no século XIII.
A constitución desta nova parroquia é máis tardía que outras e data dos séculos XIV ou XV. Posiblemente estas terras estiveran cubertas de monte e figurarían como Coto anexo á parroquia de Vincios, que estaría baixo a xurisdicción do Bispo de Tui.

Xa entrados na época moderna contamos con datos máis específicos, como que a casa foi unha das máis importantes e antigas da rexión. Tiña cento cincuenta vasalos e exercía o seu señorío sobre unha gran parte da provincia de Tui e fora dela.

No último tercio do século XVII obtivo o nomeamento de vila e cabeceira de marquesado. Foi o resultado da institución levada a cabo o 4 de abril de 1673, a favor de Luis de Valladares Meira y Sarmiento que, en compensación polos servicios prestados ao monarca, xa tiña o título de vizconde dende 1669.
A Quinta. Barrio Igrexa. Ano 1985
Un documento, localizado no Arquivo Histórico Nacional, sinala con relación á Casa do Marquesado de Valladares que “é dunha casa arruinada de pedra de sillería que está nunha eminencia que descubre o val e ten unha torre no medio de sillería con catro cubos redondos nas catro esquinas e ten un escudo grande nunha pedra a forma de xadrez, que son as armas de dita casa”. Máis adiante indícase: “arriba de dita casa e nun monte que chaman Castillo del Alba hai uns cimentos dun castelo coas suas murallas todas de sillería e no medio unha cisterna toda picada nun peñasco e unha capela dedicada á Nosa Señora”.
Dise que non quedan restos na parroquia desta casa, e o mesmo ocorre coa vella estructura do castelo, pero aínda se pode ter algunha pista a través de dous elementos importantes. Por unha parte, a capela do monte Alba, co escudo dos Valladares e por outra, un pequeno escudo semellante nunha vivenda situada no lugar de A Torre –barrio Igrexa-, cerca da estrada de Vigo-Vincios. Tamén hai escudos na igrexa parroquial.
Valladares mantivo a posición de vila ata a reforma territorial de 1837. Figura tamén na relación de Concellos realizada de acordo co Decreto de 23 de xullo de 1835, igual que o fai no “Repartimento Xeral sobre consumo de viños, vinagre, augardente, aceite e carne” de 1821, pagando este concello un total de 30.716 reais e 13 maravedíes.

Monte e capela do Alba. Ano 2000

En 1837, coa reforma administrativa liberal, Valladares perdeu a condición de Couto e pasou a integrarse no Concello de Lavadores. Isto foi así ata a adhesión a principios da década dos corenta, cando tanto Lavadores como as súas parroquias, pasaron a formar parte de Vigo.

sábado, 17 de octubre de 2015

CEMITERIO PARTICULAR “SAN ANDRÉS DE VALLADARES”

Os primeiros pasos para a construcción desta obra déronse dende a Comunidade de Montes, presidida nese momento por  Orencio Ramilo Comesaña. Nunha Asemblea Xeral aprobouse polos comuneiros a intención de reunir un grupo de xente cualificada, así como ceder os terreos para emprazar o cemiterio e unha achega económica inicial.
No grupo de persoas coas que contactou Orencio estiveron  Ignacio Costas, Jorge Barreiro e Orencio Vila, entre outros. Así foi como -poucos días despois de saír da directiva do centro cultural- Ignacio fíxose cargo dunha nova iniciativa, e ó seu mérito se lle debe por enteiro.
Neste caso, estamos ante unha necesidade latente que tiña a parroquia, dende bastante tempo atrás, de enterrar ós seus mortos nun recinto digno. A pesar das continuas queixas dos veciños, a Igrexa non arranxou nada. De feito, ata os inspectores de Sanidade dixeran con anterioridade que, de non arranxarse o cemiterio parroquial, este debería fechar. Quizais foi por este  motivo que se fixo a posterior remodelación.
Antes de comezar con toda a obra houbo que acudir a toda a documentación específica sobre a lexislación dos cemiterios. Ata entón o máis normal foran os cemiterios parroquiais ou, en menor medida, municipais. Neste caso, propuxéronse facer algo diferente. No ano 1989, comezaron as negociacións seguindo o regulamento.  Inicialmente acolléronse ó Decreto do ano 1982 da Xunta de Galicia.
Foi o primeiro cemiterio destas características que se creou en Galicia. Existen outros en Valladolid, Bilbao, Barcelona, Valencia, etc.; pero todos eles foron construídos como negocios. Neste caso, estamos ante o primeiro e único cemiterio particular de España creado por unha asociación de veciños sen ánimo de lucro.
Outra vez estamos ante unha iniciativa que ocupou os esforzos de numerosos veciños. Só se votou en falta a colaboración dunha persoa, o cura da parroquia. Este non estivo de acordo coa construcción dun cemiterio independente da Igrexa, aínda que estivese dentro da lei.
 Este feito levou a unha ardua polémica entre os veciños e a Igrexa. O propio bispado mostrouse nun principio pouco receptivo a que se dixesen misas na capela -que estaba bendicida- do recinto do cemiterio. Non obstante, houbo sectores eclesiásticos que se mostraron favorables a que se celebrasen oficios neste cemiterio, e incluso hai algunha anécdota.
En Valladares estivo o arcebispo de Sevilla de incógnito, para saber o que acontecía de primeira man. Examinou toda a obra e os papeis, e interveu para que todo se solucionase.
Foi coa chegada de  José Diéguez, o novo bispo, que cambiou esta situación. O cura da parroquia marchou e o novo tivo a ben comezar a dicir misa na capela deste cemiterio.
A construcción deste complexo iniciouse en 1991 e, incluíu non só a creación de panteóns, senón que tamén se instauraron unha serie de servizos, como son as salas de velatorio, amplas zonas de xardíns e aparcamento, capela, servizos, floristería, cafetería, etc. Dende logo, algo non habitual nun cemiterio. A inauguración foi o día dezasete de abril de 1994.

O orzamento inicial da obra foi de trescentos quince millóns de pesetas, todo o complexo. Aínda que hoxe este prezo xa supera con creces os setecentos millóns. O Concello de Vigo axudou nos traballos de explanación do terreo que era monte, acondicionou o acceso principal ó recinto e doou a cruz que está na parte superior.
Xa dixemos que a Comunidade de Montes cedeu, para comezar as obras, tres millóns das antigas pesetas, e o resto conseguiuse mediante a implantación dunha serie de cotas semestrais a cada socio, de cincuenta mil pesetas. De feito, a maior parte dos cartos saíron das achegas dos propios socios.
En total custóulle a cada socio de número arredor de trescentas corenta e oito mil pesetas, custo realmente barato se o comparamos con outros cemiterios parroquiais da zona, que non contan nin coa metade dos servicios. Esta cantidade deu a oportunidade de acceder a catro nichos, é dicir, unha columna completa ou, con menos, se puido acceder a dous. Parte desta cota foi o IVE, porque Facenda non tiña tipificado ese tipo de sociedade; con este aspecto non estiveron de acordo tódolos veciños, dado que elevou considerablemente o presuposto inicial.
 
Visita do bispo monseñor José Diéguez
Os socios tiveron acceso a un fraccionamento de pago da cota total, en prazos de 50.000 pesetas cada semestre ata adquirir a propiedade por completo. Daquela os ingresos obtidos das cotas dos socios púñanse a prazo fixo e, xogábase cos intereses que estaban ó catorce por cen. En total recadáronse arredor de quince millóns de pesetas de intereses.
Co recargo das multas que se puxeron ós/ás que non pagaron dentro dos prazos, tamén se fixo negocio. Todo serviu para acadar a cantidade precisa para levar a cabo tamaña obra. Neste proxecto hai polo medio títulos de propiedade, e os trámites foron moito máis complexos que na creación do Teleclub.
Na actualidade, existen dúas formas de ser socios/as : os que teñen tódolos servizos fúnebres incluídos e os que non. En total son arredor duns cinco mil beneficiarios. Os socios de número poden facer uso das instalacións, así como tódolos familiares ata un terceiro grado. Para todos eles, o primeiro requisito para pertencer a este cemiterio, é ser residente na parroquia ou ter nacido nela, aínda que agora se more noutro lugar.
O número de nichos -despois da última ampliación- fixouse en catro mil trescentos vinte, e só dous están sen mercar. Estas sepulturas están distribuídas en columnas de catro e en diferentes pavillóns. O deseño deste últimos fíxose de forma moi pensada, para que non houbese desperdicio ningún do espacio.

      Os socios pagan unha cota de algo máis de trinta euros ó ano para mantemento das instalacións. Os que queren dispor de servizo funerario teñen que pagalo en relación ó número de persoas da familia que se inclúan. A sociedade funciona segundo uns estatutos aprobados en asemblea, polos socios. Estes non permiten a venda dos nichos, sen obter previo consentimento da sociedade.

       Con todo isto, vemos que a relación calidade-custo é favorable para os/as socios/as deste, posiblemente, único cemiterio particular “sen ánimo de lucro” de España.




martes, 6 de mayo de 2014

O ANTIGO CONCELLO DE LAVADORES

Reseña do Faro de Vigo, de hai uns poucos de anos

martes, 16 de julio de 2013

A Romaría da Virxe do Alba, en Valladares (VIGO)

  • ROMARÍA DA VIRXE DO ALBA E SAN BARTOLOMEU

   Falar desta romaría implica ir moi atrás no tempo. É unha celebración moi interesante tanto polo lugar onde se realiza como pola tradición da romaría en si mesmo.
  Celébrase na capela emprazada no Monte Alba (Valladares-VIGO), un cumio situado a 503 metros de altitude, o segundo monte máis alto da parroquia.

   Dende tempos moi antigos, os festexos solemnes comezan no día 15 de agosto, cando as imaxes da Virxe do Alba e a de San Bartolomeu son trasladados dende a igrexa parroquial ata a ermida. Antes de ter a pista asfaltada, estas imaxes levábanse ás costas por camiños ben difíciles. É o día grande da romaría. Tal e como soe acontecer neste tipo de celebracións, ata hai poucos anos, os ofrecidos tiñan por costume subir con hábitos penitenciarios, descalzos ou de xeonllos, detrás da procesión
  
  O día 24 dese mesmo mes, celébrase a festividade de SAN BARTOLOMEU. Condúcese á Virxe do Rosario, dende a igrexa ata a capela, pasando polos lugares de A Pena e Bértolos e con parada no cruce da Pinguela, xunto diante do actual cemiterio parroquial. Antigamente, nese mesmo día baixábanse tamén os santos que xa estaban na capela e, producíase un encontro de todos eles na chamada “casa das novenas” (un pequeno inmoble próximo ao santuario), onde se facía o saúdo ritual. Actualmente, este saúdo faise diante da capela. Entre as tradicións que aínda hoxe se manteñen, despois de escoitar misa, os romeiros asistentes cumpren o rito de recibir tres golpes (croques) na testa coa esfinxe de madeira de San Bartolomeu, coa crenza de que así perderán o medo ou na curación dos tatexos.
 Neste día de San Bartolomeu tamén se continúa mantendo a tradición das "poxas". Os fieis aportan prantas e animais, que se sortean diante da capela, como mostra de agradecemento ó santo. Algúns incluso "regatean" para volver levar para as súas casas a súa propia aportación.


  O ciclo féchase o día 8 de setembro, coa festividade na que se conmemora a Natividade da Virxe. Despois de rodear a capela, báixanse en procesión todos os santos que subiron en días anteriores, para facer un encontro a poucos metros da igrexa parroquial con San Xosé (parece ser que tamén se ten feito con Santo André, patrón da parroquia).
Para a organización desta romaría, no século XIX formábase cada ano unha “sociedade” que estaba presidida por un mordomo (os datos máis antigos que temos dun deles son de 1828), que se encargaba sobre todo do financiamento, saíndo a pedir polas casas. Co tempo, esta figura foi decaendo e, deu paso ás actuais comisións de festas.

    En tempos, foi dunha romaría que tiña unha grande afluencia de persoas, tanto pola grande devoción como polo aspecto festivo. 
    Na posguerra, concretamente, no día de San Bartolomeu, achegábanse ata o lugar grande número de habitantes da península do Morrazo, chegando moitos deles na noite anterior e durmían no santuario. Ao parecer, pintada de branco, co sol a capela brilaba como unha cuncha e, isto levábaos a percorrer todo ese traxecto para asistir a esta celebración. Para os mariñeiros era o faro no que guiarse nos días de néboas baixas.

      Durante varias etapas alternas non houbo ninguén que se quixera facer cargo da organización das festas, e este motivo levou a que se perdese parte da afluencia de crentes. Non obstante, o párroco continuou a contratar uns gaiteiros para amenizar a xornada, polo que nunca se perdeu, ademais do aspecto puramente relixioso, o lúdico-festivo.

  A Romaría celebrouse en ocasións illadas, como en 1981. Foi no ano 1984, cando se formou unha nova directiva: Alfonso Alonso, Laura Comesaña, Teodoro Davila, Isidro Costas, Cristina Rodríguez, Alberto Costas e Albino Iglesias, entre outros. Ó ano seguinte a presidenta foi Laura Comesaña, e o anterior presidente pasou a vocal e o resto dos postos continuaron como estaban. Tras un ano sen festa, en 1987 colleuna Amabel Comesaña e, despois dun novo paréntese, en 1998 e 1999, estiveron Alfonso “da Cacheira”, Carlos González e Alberto Costas. Nos anos seguintes seguiu habendo continuidade e a organización foi cambiando paulatinamente de "cabeza visible", ata que
foi recuperando o seu esplendor, tamén mediante o acondicionamento do entorno da capela. Neste punto está a ser moi importante a colaboración da Comunidade de Montes.


Dende hai uns anos a directiva está capitaneada por Rodrigo Alonso.


lunes, 14 de enero de 2013

Rondalla do Centro Cultural de Valladares (VIGO)

A RONDALLA DE VALLADARES

Un pouco de historia

A Rondalla de Valladares ten tamén moita antigüidade. Lembremos que antes da Guerra Civil xa existiu unha, que fora retomada da man de Regino Figueroa e os seus compañeiros. Nesas antigas orixes a agrupación saía da Escola e, dende logo, non tiña nada que ver coa actual, cos seus abandeirados e as súas “majorettes”.
Despois desta Rondalla houbo varios intentos por crear outras formacións, pero todas elas foron efímeras. Nunha ocasión o preparador foi Juan Figueroa “Juanito, o carteiro”, o acordeonista. Os ensaios realizábanse daquela no Salón de Baile de Edelmiro Barreiro e, máis tarde, no baixo da casa de Guillermo Davila.
Pero foi esta unha actividade sen demasiada continuación e, logo, durante bastantes anos, non se constituíu ningunha agrupación. A partir dos anos setenta esta actividade pasou a ser organizada polo antigo Teleclub, coa colaboración de algúns músicos da Banda, sendo Antero Piñeiro o seu director, durante algúns anos. 

 O percorrido partía por aquel entón das Barrocas, subía pola Cacheira, bordeaba a Igrexa Parroquial e baixaban ata o Teleclub.  Sendo director Cándido Piñeiro Davila “Caseiro” percorreuse Vigo, cos Reis Magos montados a cabalo (Manolo “O Ferrador”, Darío “O Zapateiro” e Rogelio Cabezas). En todos estes anos pasaron varios directores, entre os que merecen figurar Antero, Carlos (neto de don Hermindo), Antonio Costas Pérez "Lero", Marga e na actualidade Diego.
 No tocante aos abandeirados, un dos máis antigos foi Manolo “O Bugallal”. Os que inauguraron esta tradición na parroquia de desfilar con bandeiras, representando ao Teleclub foron: Eduardo Monroy, Sergio Davila e Alfonso Lorenzo. Nesta actividade houbo un punto álxido, onde se creou escola da man de Marcelino “O Ferreiro”.                                      As “majorettes” que se introduciron por iniciativa de Delio Guisande, aínda que nun principio foron moi criticadas, na actualidade son imitadas tamén noutras rondallas, e constitúen un atractivo das mesmas. A primeira capitana foi Paula Fontán, despois seguiríanlle Marta Figueroa, Rosana Figueiras e Débora Davila, entre outras.

Por seguir dando algúns nomes máis, que foron facendo historia na Rondalla, poderiamos citar a Paulino “dos Bértolos”, Eugenio “do Souto” e Amador “da Cacheira”, que se retirou moire centemente, pouco antes do seu falecemento. Poderíamos seguir con Manolo “O Necha” en pandeiretas, e un longo etc.
Co tempo, os músicos da “Unión Musical” fóronse facendo co groso dos instrumentos. Entre eles estiveron Maximino Iglesias e Saladino Costas coas súas tubas, que xa participaran con anterioridade en outras formacións deste tipo. A tuba é un dos instrumentos máis duros para unha rondalla, xa que o seu peso é moi elevado, por iso ambos se retiraron antes da Rondalla que da Banda.
  Aínda que a Banda de Música reforza musicalamente a composición da Rondalla, hai bastantes persoas que só participan nesta última, e que acoden a todos os ensaios que se fan dende setembro, para ser os mellores do Certame que se celebra na propia parroquia, o Día de Reis. 
  Nestes dous últimos anos desapareceron as majorettes e incorporáronse as mulleres o grupo de abandeirados que, ata entón, era exclusivamente masculino. Curiosidades da vida, levan dous anos gañando o concurso da abandeirados do Certame que organiza a Deputación nas instalacións do IFEVI. Ademais, en xaneiro de 2012, conseguiron o 3º posto en Rondallas, neste mesmo concurso. Isto quere dicir que se está a volver polo sendeiro correcto, despois duns poucos anos de “vacas fracas”. Ben é certo que antes ensaiábase bastante menos.
  En fin, que esperamos que a Rondalla do C.V.C. de Valladares volva a ser unha auténtica referencia da nosa parroquia, cando chegan as festas do Nadal. Isto non é ningunha “fachendada”, pois hai que lembrar que os premios acadados durante as décadas dos 80 e 90 son innumerables, aínda que tamén é certo que a calidade das rondallas mellorou moitísimo nos últimos anos.

lunes, 7 de noviembre de 2011

O Club de Patinaxe VALLADARES, segue colleitando éxitos


Patinaxe Artística sobre Rodas
COPA DE EUROPA- 2011
- INFANTIL-XUVENIL FEMININO -

Rotundo éxito das patinadoras do Club Patinaxe VALLADARES  na  Copa de Europa, que se ven de celebrar en Gujan-Mestras (Aquitania-FRANCIA),entre os días 31 outubro e 3 de novembro.

MIRIAM PÉREZ,conseguiu a MEDALLA DE PRATA na categoría Infantil

En categoría Xuvenil, tamén houbo podio para a nosa representante LAURA DOMÍNGUEZ
que conseguiu a MEDALLA DE BRONCE.

Un novo éxito para o Club de Patinaxe VALLADARES,que segue estando, un ano máis, entre os mellores de Europa. Parabéns para as nosas patinadoras ¡!.