- ROMARÍA DA VIRXE DO ALBA E SAN BARTOLOMEU
Falar desta romaría implica ir
moi atrás no tempo. É unha celebración moi interesante tanto polo lugar onde se
realiza como pola tradición da romaría en si mesmo.
Celébrase na capela emprazada no
Monte Alba (Valladares-VIGO), un cumio situado a 503 metros de altitude, o segundo monte máis
alto da parroquia.
Dende tempos moi antigos, os festexos solemnes comezan no día 15 de agosto, cando as imaxes da Virxe do Alba e a de San Bartolomeu son trasladados dende a igrexa parroquial ata a ermida. Antes de ter a pista asfaltada, estas imaxes levábanse ás costas por camiños ben difíciles. É o día grande da romaría. Tal e como soe acontecer neste tipo de celebracións, ata hai poucos anos, os ofrecidos tiñan por costume subir con hábitos penitenciarios, descalzos ou de xeonllos, detrás da procesión
O día 24 dese mesmo mes, celébrase a festividade de SAN BARTOLOMEU. Condúcese á Virxe do Rosario, dende a igrexa ata a capela, pasando polos lugares de A Pena e Bértolos e con parada no cruce da Pinguela, xunto diante do actual cemiterio parroquial. Antigamente, nese mesmo día baixábanse tamén os santos que xa estaban na capela e, producíase un encontro de todos eles na chamada “casa das novenas” (un pequeno inmoble próximo ao santuario), onde se facía o saúdo ritual. Actualmente, este saúdo faise diante da capela. Entre as tradicións que aínda hoxe se manteñen, despois de escoitar misa, os romeiros asistentes cumpren o rito de recibir tres golpes (croques) na testa coa esfinxe de madeira de San Bartolomeu, coa crenza de que así perderán o medo ou na curación dos tatexos.
Neste día de San Bartolomeu tamén se continúa mantendo a tradición das "poxas". Os fieis aportan prantas e animais, que se sortean diante da capela, como mostra de agradecemento ó santo. Algúns incluso "regatean" para volver levar para as súas casas a súa propia aportación.
O ciclo féchase o día 8 de
setembro, coa festividade na que se conmemora a Natividade da Virxe. Despois de
rodear a capela, báixanse en procesión todos os santos que subiron en días
anteriores, para facer un encontro a poucos metros da igrexa parroquial con San Xosé (parece ser que tamén se ten feito con Santo André, patrón da parroquia).
Para a organización desta
romaría, no século XIX formábase cada ano unha “sociedade” que estaba presidida
por un mordomo (os datos máis antigos que temos dun deles son de 1828), que se
encargaba sobre todo do financiamento, saíndo a pedir polas casas. Co tempo,
esta figura foi decaendo e, deu paso ás actuais comisións de festas.
En tempos, foi dunha romaría que
tiña unha grande afluencia de persoas, tanto pola grande devoción como polo
aspecto festivo.
Na posguerra, concretamente, no día de San Bartolomeu, achegábanse ata o lugar grande
número de habitantes da península do Morrazo, chegando moitos deles na noite anterior e durmían no santuario. Ao parecer, pintada de branco, co sol a capela
brilaba como unha cuncha e, isto levábaos a percorrer todo ese traxecto para
asistir a esta celebración. Para os mariñeiros era o faro no que guiarse nos
días de néboas baixas.
Durante varias etapas alternas non
houbo ninguén que se quixera facer cargo da organización das festas, e este
motivo levou a que se perdese parte da afluencia de crentes. Non obstante, o párroco continuou a contratar uns gaiteiros para amenizar a
xornada, polo que nunca se perdeu, ademais do aspecto puramente relixioso, o lúdico-festivo.
A Romaría celebrouse en ocasións
illadas, como en 1981. Foi no ano 1984, cando se formou unha nova directiva:
Alfonso Alonso, Laura Comesaña, Teodoro Davila, Isidro Costas, Cristina
Rodríguez, Alberto Costas e Albino Iglesias, entre outros. Ó ano seguinte a
presidenta foi Laura Comesaña, e o anterior presidente pasou a vocal e o resto
dos postos continuaron como estaban. Tras un ano sen festa, en 1987 colleuna
Amabel Comesaña e, despois dun novo paréntese, en 1998 e 1999, estiveron
Alfonso “da Cacheira”, Carlos González e Alberto Costas. Nos anos seguintes seguiu habendo continuidade e a organización foi cambiando paulatinamente de "cabeza visible", ata que
foi
recuperando o seu esplendor, tamén mediante o acondicionamento do entorno da
capela. Neste punto está a ser moi importante a colaboración da Comunidade de
Montes.
Dende hai uns anos a directiva está capitaneada por Rodrigo Alonso.