SOBRE O
TOPÓNIMO
¿Valladares
ou Valadares? A Lei 3/1983 de
Normalización Lingüística di que a única forma
oficial dos topónimos é a galega pero, que ocorre neste caso?
Sobre
a orixe da palabra hai varias teorías. Algúns opinan que Valladares ten a súa procedencia
na palabra latina vallatu que
significa valado ou fortificado. Deste xeito, os vallatares serían os valados que delimitan unha propiedade ou un
campamento militar. Outros en cambio, falan de vallata como da ladeira dun val. Aquí imos decantarnos máis pola
segunda opción.Labranza en Prado, barrio do Portal. Ano 1982
Este
topónimo existe en moitos lugares de Galicia (parroquia do Concello de Outes, aldea
do Concello de Forcarei, lugar do concello de Pontevedra, Casa de labor do
Concello de Oza dos Ríos) e do resto
de España.
Tamén
en Portugal existe, alí escríbese indiferentemente
con “l” ou “lh”. Durante séculos pronunciouse con “lh” polo pobo e con “l”
polos nobres. Como cabía esperar, a forma que se impuxo foi a última (salvo
pequenos rexionalismos).
Nesta
parroquia de Vigo, dende a Administración emprégase Valadares, mentres que os
veciños seguen sentíndose de Valladares, porque así lle chamaron sempre que se
recorda á súa parroquia.
CONFIGURACIÓN ADMINISTARTIVA
Poucos datos temos de Valladares na Idade
Media, aínda que algúns investigadores aseguren que a Casa deste mesmo teña a
súa orixe no século XIII.
A constitución desta nova parroquia é máis
tardía que outras e data dos séculos XIV ou XV. Posiblemente estas terras
estiveran cubertas de monte e figurarían como Coto anexo á parroquia de
Vincios, que estaría baixo a xurisdicción do Bispo de Tui.
Xa entrados na época moderna contamos
con datos máis específicos, como que a casa foi unha das máis importantes e
antigas da rexión. Tiña cento cincuenta vasalos e exercía o seu señorío sobre
unha gran parte da provincia de Tui e fora dela.
No último tercio do século XVII obtivo o
nomeamento de vila e cabeceira de marquesado. Foi o resultado da institución
levada a cabo o 4 de abril de 1673, a favor de Luis de Valladares Meira y
Sarmiento que, en compensación polos servicios prestados ao monarca, xa tiña o
título de vizconde dende 1669.
Un documento, localizado no Arquivo
Histórico Nacional, sinala con relación á Casa do Marquesado de Valladares que “é dunha casa arruinada de pedra de sillería
que está nunha eminencia que descubre o val e ten unha torre no medio de
sillería con catro cubos redondos nas catro esquinas e ten un escudo grande
nunha pedra a forma de xadrez, que
son as armas de dita casa”. Máis adiante indícase: “arriba de dita casa e nun monte que chaman Castillo del Alba hai uns
cimentos dun castelo coas suas murallas todas de sillería e no medio unha
cisterna toda picada nun peñasco e unha capela dedicada á Nosa Señora”.
Dise que non quedan restos na parroquia
desta casa, e o mesmo ocorre coa vella estructura do castelo, pero aínda se
pode ter algunha pista a través de dous elementos importantes. Por unha parte,
a capela do monte Alba, co escudo dos Valladares e por outra, un pequeno escudo
semellante nunha vivenda situada no lugar de A Torre –barrio Igrexa-, cerca da
estrada de Vigo-Vincios. Tamén hai escudos na igrexa parroquial.
Valladares mantivo a posición de vila ata a
reforma territorial de 1837. Figura tamén na relación de Concellos realizada de
acordo co Decreto de 23 de xullo de 1835, igual que o fai no “Repartimento
Xeral sobre consumo de viños, vinagre, augardente, aceite e carne” de 1821,
pagando este concello un total de 30.716 reais e 13 maravedíes.