CEMITERIO PARTICULAR “SAN ANDRÉS DE VALLADARES”
Os
primeiros pasos para a construcción desta obra déronse dende a Comunidade de
Montes, presidida nese momento por Orencio
Ramilo Comesaña. Nunha Asemblea Xeral aprobouse polos comuneiros a
intención de reunir un grupo de xente cualificada, así como ceder os terreos para
emprazar o cemiterio e unha achega económica inicial.
No grupo
de persoas coas que contactou Orencio estiveron Ignacio Costas, Jorge Barreiro e Orencio
Vila, entre outros. Así foi como -poucos días despois de saír da
directiva do centro cultural- Ignacio fíxose cargo dunha nova iniciativa, e ó
seu mérito se lle debe por enteiro.
Neste
caso, estamos ante unha necesidade latente que tiña a parroquia, dende bastante
tempo atrás, de enterrar ós seus mortos nun recinto digno. A pesar das
continuas queixas dos veciños, a Igrexa non arranxou nada. De feito, ata os
inspectores de Sanidade dixeran con anterioridade que, de non arranxarse o
cemiterio parroquial, este debería fechar. Quizais foi por este motivo que se fixo a posterior remodelación.
Antes de
comezar con toda a obra houbo que acudir a toda a documentación específica
sobre a lexislación dos cemiterios. Ata entón o máis normal foran os cemiterios
parroquiais ou, en menor medida, municipais. Neste caso, propuxéronse facer
algo diferente. No ano 1989, comezaron as negociacións seguindo o
regulamento. Inicialmente acolléronse ó
Decreto do ano 1982 da Xunta de Galicia.
Foi o
primeiro cemiterio destas características que se creou en Galicia. Existen
outros en Valladolid, Bilbao, Barcelona, Valencia, etc.; pero todos eles foron
construídos como negocios. Neste caso, estamos ante o primeiro e único
cemiterio particular de España creado por unha asociación de veciños sen ánimo
de lucro.
Outra
vez estamos ante unha iniciativa que ocupou os esforzos de numerosos veciños.
Só se votou en falta a colaboración dunha persoa, o cura da parroquia. Este non
estivo de acordo coa construcción dun cemiterio independente da Igrexa, aínda
que estivese dentro da lei.
Este
feito levou a unha ardua polémica entre os veciños e a Igrexa. O propio bispado
mostrouse nun principio pouco receptivo a que se dixesen misas na capela -que
estaba bendicida- do recinto do cemiterio. Non obstante, houbo sectores
eclesiásticos que se mostraron favorables a que se celebrasen oficios neste
cemiterio, e incluso hai algunha anécdota.
En
Valladares estivo o arcebispo de Sevilla de incógnito, para saber o que
acontecía de primeira man. Examinou toda a obra e os papeis, e interveu para
que todo se solucionase.
Foi coa
chegada de José Diéguez, o novo bispo,
que cambiou esta situación. O cura da parroquia marchou e o novo tivo a ben
comezar a dicir misa na capela deste cemiterio.
A construcción
deste complexo iniciouse en 1991 e, incluíu non só a creación de panteóns,
senón que tamén se instauraron unha serie de servizos, como son as salas de
velatorio, amplas zonas de xardíns e aparcamento, capela, servizos, floristería,
cafetería, etc. Dende logo, algo non habitual nun cemiterio. A inauguración foi
o día dezasete de abril de 1994.
O orzamento
inicial da obra foi de trescentos quince millóns de pesetas, todo o complexo.
Aínda que hoxe este prezo xa supera con creces os setecentos millóns. O
Concello de Vigo axudou nos traballos de explanación do terreo que era monte,
acondicionou o acceso principal ó recinto e doou a cruz que está na parte
superior.
Xa
dixemos que a Comunidade de Montes cedeu, para comezar as obras, tres millóns das
antigas pesetas, e o resto conseguiuse mediante a implantación dunha serie de
cotas semestrais a cada socio, de cincuenta mil pesetas. De feito, a maior
parte dos cartos saíron das achegas dos propios socios.
En total
custóulle a cada socio de número arredor de trescentas corenta e oito mil
pesetas, custo realmente barato se o comparamos con outros cemiterios
parroquiais da zona, que non contan nin coa metade dos servicios. Esta
cantidade deu a oportunidade de acceder a catro nichos, é dicir, unha columna
completa ou, con menos, se puido acceder a dous. Parte desta cota foi o IVE,
porque Facenda non tiña tipificado ese tipo de sociedade; con este aspecto non
estiveron de acordo tódolos veciños, dado que elevou considerablemente o
presuposto inicial.
Visita do bispo monseñor José Diéguez
Os
socios tiveron acceso a un fraccionamento de pago da cota total, en prazos de
50.000 pesetas cada semestre ata adquirir a propiedade por completo. Daquela os
ingresos obtidos das cotas dos socios púñanse a prazo fixo e, xogábase cos
intereses que estaban ó catorce por cen. En total recadáronse arredor de quince
millóns de pesetas de intereses.
Co
recargo das multas que se puxeron ós/ás que non pagaron dentro dos prazos,
tamén se fixo negocio. Todo serviu para acadar a cantidade precisa para levar a
cabo tamaña obra. Neste proxecto hai polo medio títulos de propiedade, e os
trámites foron moito máis complexos que na creación do Teleclub.
Na
actualidade, existen dúas formas de ser
socios/as : os que teñen tódolos servizos fúnebres incluídos e os que non.
En total son arredor duns cinco mil beneficiarios. Os socios de número poden
facer uso das instalacións, así como tódolos familiares ata un terceiro grado.
Para todos eles, o primeiro requisito para pertencer a este cemiterio, é ser
residente na parroquia ou ter nacido nela, aínda que agora se more noutro
lugar.
O número
de nichos -despois da última ampliación- fixouse en catro mil trescentos vinte,
e só dous están sen mercar. Estas sepulturas están distribuídas en columnas de
catro e en diferentes pavillóns. O deseño deste últimos fíxose de forma moi
pensada, para que non houbese desperdicio ningún do espacio.



No hay comentarios:
Publicar un comentario